logo

xa temos canle de vídeos (en probas, iso si)

venres 13 xuño 2008 | Sen comentarios

De momento é algo que está en probas, así que volo adiantamos como primicia a ver que vos parece a cousa e nos orientedes. O caso é que en R montamos o noso Youtube particular. Iso si, de momento nós somos os únicos que subimos os vídeos. Aínda que a cousa pode cambiar se queredes....

Podedes pasar por videos.mundo-r.com para botarlle un ollo á nosa última "creación" e ir vendo pequenos vídeos promocionais das canles que emitimos, xunto con titoriais para explicar cousas dos servizos que tedes dispoñibles.

Para velos non precisades de ningún visor especial, xa que están colgados en formato Flash, como os do Youtube. E que podedes atopar? Pois agora que chega o verán, metemos varios vídeos de Canal Cocina con receitas completas explicadas de xeito moi visual e breve (en minuto/minuto e medio xa están listas). Así poderedes fardar de receitas na próxima comida cos amigos e que vexan que sabedes facer algo máis que ovos con patacas.... Ou alomenos intentalo.


Eu xa vos adianto que probei a facer o batido de froitas tropicais e non me saíu mal de todo. Agora vou intentar facer uns biscoitos de xamón e de queixo, e cruzo os dedos para que non se me queimen no forno

Tamén colgamos vídeos doutras canles como Kidsco ou Paramount Comedy. Casualmente, botándolles un ollo descubrín unha serie que promete e da que non oíra falar, "Perdidos en Filadelfia", que vai de catro amigos un tanto atolados que levan un pub irlandés.

Pero bueno, que non só colgamos vídeos con promos sobre as canles e as series que emitimos, senón que tamén iremos subindo titoriais. Un dos que xa tes dispoñibles é o do famoso "tochomail" (o servizo que tedes á vosa disposición totalmente gratis para mandar arquivos xigantescos). Se non o coñecías, bótalle un ollo ao vídeo, que de seguro que lle sacas partido a este servizo.



Outro manual que creamos é o do correo móbil, con explicacións visuais para que poidas ter o correo electrónico no teu terminal. Saberedes onde descargar a aplicación, como configurar o voso móbil ou como tendes que facer para mirar tamén o correo do traballo.

Ademais, estes manuais tamén os colgaremos na web de clientes, na parte de soporte, para que os teñades á man. Non sei se pensades coma min ou non, pero un vídeo sempre entra mellor que un manual en pdf. Évos como a versión cinematrográfica dun libro gordo. A cousa é máis lixeira. Pero bueno, non sei se o considerades boa idea ou non. En caso de que vos pareza interesante, tamén sería bo que me indicárades que titoriais credes imprescindibles para colgar nesta sección.

Outra cousa interesante é saber se queredes subir vídeos á nosa web ou colgalos aquí para enlazalos ao voso blog R. Igual non ten moito sentido, en canto que xa hai servizos gratuítos como o propio Youtube ou outras webs "fotocopia" como Metacafe, MSN Vídeo, Dailymotion... nas que xa podedes colgar o que vos apeteza. Pero quen sabe... ao mellor tendes outra opinión!


forex Free Polls


Vós sodes os que mandades, así que espero as vosas ideas e ver que vos resultaría interesante e útil. Porque traballar para o aire ou para que despois non vos guste, como que non é plan ;)






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado