Quecheparece no Camiño: de León a Santiago en catro días
Ola a todos. Despois de catro días facendo o Camiño de Santiago en bicicleta, toca facervos un resumo no blog. Iso si, antes de nada queriamos aproveitar para agradecervos os ánimos a todos aqueles que seguistes esta aventura a través do twitter e do flickr, como mostiboy, AnibalBaez, miorbea, Rosendo_93, Squash019, mdibuja, informaticofeo, albertodafonte ou iagogz, entre outros.
Comentar que se tratou dunha experiencia moi gratificante, de superación, que recomendamos a todo o mundo, na que se coñece xente e se desfrutan de paisaxes marabillosos, e tamén na que se sufre, pero na que un se ve recompensado ao chegar á meta cando ve o traballo cumprido.
No noso caso o peor de todo foi o tempo. Xa comezamos con mal pé o mércores 31. Chegamos a León a mediodía e xa caía algunha que outra gota. Aproveitamos para coñecer a zona antiga e tamén a catedral, para ir enchoupándonos do ambiente do Xacobeo.

E as tres da tarde decidimos comezar a ir quentando as pernas. Así que rumbo a Astorga. Foi comezar e poñerse a chover, virnos o vento de cara e mesmo tivemos que sufrir algún que outro pedrazo. E vese que o mal tempo espantou ao resto de peregrinos, porque ata Astorga non vimos polo camiño máis de 10 persoas andando.
O momento impactante do día foi cando paramos para selar a credencial do peregrino en Hospital de Órbigo. A persoa que nos atendeu era un zamorano que estivo moitos anos traballando en Galicia e que agora estaba de voluntario nese albergue, despois de sufrir tres apoplexías. Contounos que foi condutor de autobuses moitos anos e que a última ruta que levou partía de Galicia. E mesmo nos ensinou o seu coche, no que levaba con orgullo unha pegatina ben grande na que se lía: Ferrol-Alxeciras. Falounos do boa xente que eramos os galegos, do ben que o trataramos e de que iso de que somos pechados e fríos non era máis ca un tópico.
A xornada rematou en Astorga, a onde chegamos a iso das sete e media da tarde. Deixamos as bicis e aproveitamos para ir mercar algo e coñecer a zona antiga.

De volta ao albergue descubrimos que xa tiñamos novos compañeiros de cuarto: dous irmáns coruñeses de 46 e 47 anos que ían comezar ao día seguinte o Camiño. Tiñan forzas abondas e xa ían iniciar a ruta con 100 quilómetros. Os outros dous compañeiros eran dous amigos vascos que tamén comezaban ao día seguinte a súa peregrinaxe, seguinte a ruta da Prata pero ao revés, é dicir, que eles tiraban para o sur, ata Sevilla, a onde teñen previsto chegar o día 8 de abril.
O xoves pola mañá erguémonos con poucas horas de sono enriba (ronquidos varios, SMS nocturas e mesmo un espertador ás 4.30 da mañá non axudan moito a durmir) pero con forzas nas pernas. Así que partimos coa sorpresa de que nunhas horas nos atoparíamos con neve, antes de chegar a Foncebadón e á Cruz de Ferro.

Pasamos un pouco de frío, todo hai que dicilo, pero soportable. E así, aos poucos, coa filosofía do pedaleo alegre (graciñas Fafi polo consello), chegamos á Cruz de Ferro.

Dende aquí practicamente (con algunha excepción) foi todo baixada ata Ponferrada, de onde colguei unha foto dicindo que estabamos en Astorga (de onde saíramos á mañá), cando realmente, como ben comentaron varias persoas, se trataba do Castelo dos Templarios :D

Aínda quedaban quilómetros por diante, pero xa deixabamos atrás unha boa andadura. E o noso obxectivo do día, chegar a Villafranca do Bierzo, deu lugar a facer máis quilómetros e quedar aos pés do Cebreiro, en Vega de Valcarce. E alí chegamos a iso das seis e media da tarde, deixando atrás Trabadelo e Ambasmestas, onde tivemos ocasión de escoitar e mesmo falar con xente do lugar en galego (a pesar de que estabamos en León).
Aproveitamos para agradecer a acollida da responsable do albergue de Vega de Valcarce, María, que mesmo fixo filloas con chocolate para todos os que estabamos alí.
Dese día queda tamén o recordo da historia dun madrileño que nos relataba como uns días antes, antes da Cruz de Ferro outro peregrino no medio dunha tormenta de neve recollera a un rapaz alemán duns 15 anos da beira do camiño con síntomas de hipotermia. Deu volta con el, deixoulle a súa roupa, chamou á policía e acompañouno en todo momento. Vamos, que a solidariedade entre os peregrinos está aí, en todo momento.
Tampouco nos esqueceremos de María, unha coreana que se puxo este nome tras bautizarse aquí en España e da que só nos lembramos do seu apelido orixinario, Quon. Explicounos que estudaba teoloxía en Burgos e preguntounos se víramos moitos coreanos polo Camiño. Contestámolle que na nosa ignorancia non sabiamos distinguir un chinés dun coreano ou dun xaponés. E ela relatounos como en Corea do Sur estaba moi de moda o Camiño de Santiago, como saíra unha reportaxe na televisión explicando a filosofía da peregrinación a Santiago. A partir de aí publicáronse moitos libros e crónicas en todo o país, os coreanos comezaron a vir facer o Camiño e mesmo unha señora fixo unha especie de ruta de peregrinación nunha illa do país, emulando, pero en pequeno, o de Santiago.
E nestas chegou o terceiro día, o de subir ao Cebreiro. Espertou o día con chuvia e nesas seguiría, aínda que non por iso a paisaxe desmerecía.


Orgullosos de estarmos xa no alto do Cebreiro, pensabamos que o malo quedaba atrás, a subida, pero estabamos moi enganados. O peor de todo o Camiño chegou aí, na baixada. Cando só levabamos andados uns 500 metros tivemos que parar porque a auga-neve, o vento frontal e a intenso frío impedíanos andar. Pasámolo realmente mal. E foi aí onde nun bar, Casa Jaime, despois de meter as mans debaixo dunha billa con auga quente, a señora que nos atendeu ofreceunos uns guantes de plástico para levar nas mans e poder soportar o frío nas mans. E así, cos guantes de plástico, os da bici por riba e unha bolsa en cada man puidemos afrontar o descenso polos camiños de terra, intentando resgardarnos do vento.
Pero como as cousas malas non veñen soas, á altura do Alto do Poio rompeunos a cadea da bici. Menos mal que o meu compañeiro levaba ferramentas axeitadas e puidemos sacarlle a peza rompida e encaixala ben.
O frío e a auga seguiu con nós ata Triacastela, onde paramos a comer. A partir de aí fomos levando a cousa: pasamos Samos, chegamos a Sarria e marcámonos como obxectivo rematar o día en Portomarín. E ese tramo curto convertiuse en case catro horas de camiño, porque volveu romper a cadea da bicicleta outras dúas veces. Así que, con coidado e no prato pequeno e no piñón pequeno, demos chegado pasadas as oito da tarde á fermosa vila de Portomarín. Alí, a pesar de ser festivo, nun taller cambiaron a cadea da bici e mesmo puxeron na miña zapatas novas para frear (as que tiña desgastáronse coa lama baixando o Cebreiro).
O sábado volveu amencer con chuvia. O día anterior marcarámonos como obxectivo chegar a Santiago, pero non o tiñamos tan claro. Tres días seguidos durmindo mal pasan factura a calquera. Pero o certo é que coa filosofía de irmos pouco a pouco fomos chegando a Palas de Rei, a Melide, pasamos Arzúa e xa non semellaba tan complicada a idea de poder rematar o día no Obradoiro.
Temos que dicir que nesta etapa foi na que máis peregrinos atopamos. O Camiño estaba cheo de xente, moita dela coxeando e sufrindo a chuvia e a lama, pero con ánimo e forza. Mesmo atopamos peregrinos dacabalo e con algún que levaba as súas pertenzas nun carriño.
E nestas chegamos á praza do Obradoiro, con algo de chuvia pero contentos coma cucos por termos feito o Camiño con forzas e nun día menos do previsto.

As pernas, a R e a bici aguantaron estupendamente, todo hai que dicilo.

Polo que nos sentimos coma o resto de peregrinos, unha sorte de superheroes que superaron o malo, sacaron forzas en momentos complicados e chegaron á meta máis que felices.

O dito, que neste ano tan importante para Galicia animamos a todo o mundo a facer o Camiño e a demostrar a todos aqueles que nos visitan o boa xente que somos ;)
Un saúdo.
PD: e se alguén fai o Camiño en bicicleta, que non esqueza mirar ben o tempo antes de saír, levar guantes longos de plástico (non vaia ser), unha cadea de reposto, uns freos e uns parches para as rodas (nós tivemos a gran sorte de non pinchar, pero non foi o habitual vista a experiencia doutros compañeiros).

Igual o día que permitan facer o camiño polo GoogleMaps anímome, porque entre a familia, o traballo e o pouco tempo libre, vexoo dificil de facer doutra manera :P
Por certo, entre que escribín esta mensaxe, deuche tempo de cambiar as fotos do Post ;)
enviado por Carlos Macías o 05 abril 2010 ás 06:33 PM CEST
Sitio web:: http://www.cmacias.com #
noraboa! sodes uns campións
enviado por ortigalf o 05 abril 2010 ás 06:36 PM CEST #
Felicidades, ten merito facer o camiño, mais, tendo en conta a epoca do ano e as temperaturas. Eu penso facelo Xuño e a pe, sera a miña terceira vez, a anterior foi dende o Cebreiro e a primeira dende Moaña.
enviado por Lorcan o 06 abril 2010 ás 12:14 AM CEST #
Pues yo he de decirte que me lo he pasado muy bien, a cada rato con el móvil mirando las actualizaciones...y el viernes y sábado que estuvimos en Santiago y con el tiempo que hacia pensando en como estaríais....ha sido genial, me alegro mucho que lo hayáis compartido con todos!!!...en casa hacemos el camino en junio fijo!!!
enviado por Aníbal Baez o 06 abril 2010 ás 01:00 AM CEST #
Por cierto la R...muy fotogénica!!!
enviado por Aníbal Baez o 06 abril 2010 ás 01:02 AM CEST #
A las roturas de cadena hay que añadir un radio que vi hoy que estaba roto. Que no se diga que tuvimos pocos problemas mecánicos. Buen resumen del camino. Un saludo.
enviado por Rodrigo o 06 abril 2010 ás 04:10 PM CEST #
Aníbal, la verdad es que sí, que sale muy bien :D
Me dijeron que llevase el mínimo equipaje posible, pero la R se tenía que venir conmigo. Lástima del mal tiempo, porque sino podría tener un book completo, jeje
Un saludo.
enviado por quecheparece o 06 abril 2010 ás 04:14 PM CEST
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #
Aproveito tamén para agradecerlle a Rodrigo a súa paciencia durante os catro días do Camiño, porque esperou por min a pesar de que ía a paso de tartaruga en ocasións, porque me animou a tirar para adiante nas costas arriba e se ofreceu de modelo fotográfico sen protestar.
A ver cando vai dende Roncesvalles ;)
enviado por quecheparece o 06 abril 2010 ás 04:18 PM CEST
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #
Carlos Macias, tiene gracia que lo digas, por que a fianles del 2009 los de Google mapearon todo el camino de Santiago desde Irún en Street View (en lugar de coches con bicis) y desde entonces que está disponible. Así que puedes hacerlo a golpe de clics xD
enviado por cartdestr o 07 abril 2010 ás 01:07 PM CEST #