Galicia ten R
A verdade é que sempre sentimos de preto o agarimo que, en xeral, a xente e as empresas que vivides en Galicia nos destes dende que R naceu hai xa 12 anos. E moi poucas veces vos falamos do que ese apoio pode significar tamén para Galicia.
Agora que, por fin, se están a cuestionar moitas cousas na sociedade e no funcionamento das empresas, pode ser un bo momento para compartir só con vós en confianza o que R pensa sobre todo isto.
R é unha empresa privada que está obrigada a ser rendible para subsistir, como o resto. E hoxe en día, a simple subsistencia é un valor, pois logra manter o emprego, e o que consideramos máis importante, a actividade engadida ao seu arredor. Ás veces non nos paramos a pensalo, pero se as empresas e a economía están preto de nós, teremos máis posibilidades nun futuro próximo de elixir se nós e a nosa familia poden seguir vivindo en Galicia ou preto de Galicia. Todo está relacionado. O noso consumo co traballo dun veciño ou amigo, e o deste tamén con alguén cercano.
O principal obxectivo de R é, a ser posible co voso apoio, botar outros 10 ou 100 anos máis en Galicia facendo o que sabemos facer, que é poñer á disposición das familias e empresas os mellores servizos de comunicacións na que se está a chamar a “era do coñecemento”, que din que será clave no futuro das novas xeracións. Calquera se fía, tal e como está o mundo, pero por se as moscas, nós seguimos…
Aínda que non o pareza, e abofé que non o parece, non queremos que pensedes que estamos a falar só de R senón de todo o que nos rodea. Intentamos levar á práctica aquilo de “pensar de xeito global e actuar de forma local”. Queremos ter aquí os servizos máis avanzados a nivel mundial, ter na nosa comunidade unha infraestrutura de fibra óptica da que nos sintamos orgullosos e que nos comunique co resto do mundo, pero apostando polo próximo.
Destinando algúns cartos ao que temos máis preto, ao local, e partindo dunha igualdade de calidade, un diñeiro gastado preto de nós retorna moito antes que se o enviamos a un lugar afastado. Unha vella idea escrita xa en 1776 polo economista escocés Adam Smith, e que no fondo está a dicir que o consumo local, que é o que xera movemento económico tamén local, é o mellor xeito de lograr que o lugar onde se vive saia cara adiante e teña futuro para as novas xeracións, ao xerar actividade económica permanente preto de nós.
Vese mellor cun exemplo. A sociedade na que vivimos en países desenvolvidos baséase nunha boa parte no autoconsumo. Se o consumo se para, a economía tamén se para. Se o consumo local, próximo ao lugar onde se vive, se parase, eliminaríase tecido industrial e de servizos e o emprego asociado. Un círculo vicioso onde, se se deixa de traballar e de ingresar cartos, déixase de consumir e cáese nunha espiral destrutiva.
A ver se con algúns datos do que nós coñecemos que é o de R, damos algún exemplo desta idea:
- 50% do IVE das facturas de R (de fixo e tamén de móbil) queda en Galicia. Esa parte dos impostos son directamente para Galicia, para os seus servizos públicos, etc. E isto só sucede cando a empresa ten a súa sede social en Galicia. No eido das telecomunicacións somos o único operador que está neste caso, que ten aquí a súa sede.
- Ademais do IVE, pagamos outros impostos a nivel local, que axudan a financiar directamente os servizos públicos das administracións locais. Así, o 1,5% de todos os ingresos acadados por R cada ano van para os concellos nos que temos rede despregada, que xa son máis de 84 en toda Galicia. Son uns cantos millóns de euros ao ano para servizos sociais,educación, sanidade e infraestruturas, actividades deportivas e culturais das vosas cidades, etc.
- Adicionalmente estarían o Imposto sobre Actividades Económicas, as licenzas de obras para o despregamento da rede de R, os impostos sobre bens inmobles locais, etc.
- Do total de gastos e investimentos de R, cada ano deixamos en Galicia 160 millóns de euros, contribuíndo a xerar e manter miles de horas de traballo que á sua vez xeran impactos económicos positivos en consumo de servizos, dende alimentación, ata transporte, educación, etc.
Para nós este tipo de cousas é moi importante, pois pensamos que R ten a obriga e a capacidade de xogar ese papel. Para nós sempre é unha terrible noticia que peche unha empresa en Galicia ou que se marchen os seus centros de decisión da nosa Comunidade. E non tanto por un tema patriótico, senón por un tema de “vecindade económica” como tratamos de explicar.
- Sempre que hai posibilidade, por confianza, calidade e capacitación e por unha sinxela regra lóxica de reciprocidade, como facemos cada un de nós todos os días, os nosos provedores son de aquí. En todo este tempo traballando xa colaboramos con máis dun milleiro de provedores en Galicia… E os que quedan…porque isto das comunicacións éche moi complexo, abofé. Menos mal que tedes con nós bastante paciencia.
- Adicionalmente, nestes 12 anos, R leva xa investidos só en Galicia 846 millóns de euros, probablemente un dos maiores investimentos privados da nosa comunidade. Para que teñades unha referencia significativa, investimos só en Galicia máis do que outros operadores de ámbito estatal invisten e investiron en toda España.
- Ademais, grazas a que tedes a posibilidade de conectarvos a unha rede completamente nova, outros operadores de ámbito nacional e multinacional están a prestar atención especial a Galicia para tentar recuperar o terreo perdido. Doutro xeito, como sucedía fai anos, Galicia seguiría a ser unha das áreas tradicionalmente esquecidas polas empresas de ámbito estatal. En moitos casos tampouco por gusto, senón porque dar bo servizo en Galicia pola súa xeografía e dispersión, é moi custoso.
- Somos a comunidade de España que ten máis universalizadas as conexións de 100 megas e a única en Euopa na que o 93% dos fogares e empresas poden acceder a este servizo. E como moitos de nós somos da aldea, pensamos ademais que non só as grandes cidades teñen dereito a ter dispoñible a rede de fibra óptica máis avanzada e, por iso, grazas aos cartos de todos os que confiades en R, andamos tamén soterrando fibra óptica en vilas que para outros serían demasiado pequenas e farémolo noutras como Cee, Corcubión, Vimianzo, Cervo, Chantada, A Fonsagrada Maceda, Celanova, Vila de Cruces, Salceda de Caselas, Soutomaior… A día de hoxe a nosa rede chega a case 840.000 empresas e fogares en Galicia e a cousa seguirá medrando nos próximos anos.
En R sabemos que unha soa iniciativa non poderá arranxar o mundo enteiro, pero si que cada un de nós podemos poñer moito para mellorar o mundo que temos ao noso carón, que para R é Galicia. Así, se temos que contratar un servizo, tratamos por todos os medios de que sexa dunha empresa de aquí. Xa non só porque pensemos que poden darnos igual ou mellor atención que outras empresas multinacionais, senón para que sigan existindo e que as novas xeracións, se deciden vivir en Galicia, poidan facelo porque hai actividade viva onde desenvolver a súa profesión no futuro.
Así, se esa empresa veciña ten ingresos, poderá tamén consumir, e así sucesivamente ata incrementar os niveis de actividade económica “próxima”. Isto provocaría un incremento tamén de opcións e de competencia, e as empresas de tipo multinacionais tamén reaccionarían tratando de mellorar a súa posición.
É importante subliñar que non se trata de evitar, por exemplo, a merca en grandes multinacionais, pois tamén esas grandes compañías crean emprego e actividade (e os nosos móbiles ben sabedes que llelos mercamos a Apple, Nokia ou a Samsung, que son xigantes que están a acaparar o mercado de terminais). A idea está, máis ben, en darlle unha oportunidade adicional ás empresas locais. Podo mercar nunha grande superficie que me guste ou que me ofreza cousas que outros non me venden, pero tamén é importante reservar algo para o comercio do barrio, para a tenda de toda a vida... Dese xeito, hai máis oportunidades para rexenerar o que ao principio chamabamos autoconsumo local. Que se consegue? Pois mover máis cartos localmente xerando ese efecto multiplicador que comentabamos.
É, en suma, unha idea para mellorar a situación actual que queriamos compartir con vós e que explica de cando en vez algún dos nosos comportamentos como empresa, e como persoas que traballamos neste peculiar proxecto que chamamos, casi en clave, R.

non entendín a que ven ise monólogo
canta xente traballa pra r? Non o pon. Candos de ises traballadores teñen unha nómina onde poña r? tampouco o pon
os impostos pagámolos os clientes. Non entendo de onde saiu iso de que r paga impostos
está moi ben apoiar o tecido industrial da galiza. Isto non explica porque productos que se fabrican na galiza non se mercan aqui a empregas galegas (falo de televés)
e xa pra rematar (espero) dicir que vai anos empresas como telefónica abandonaron as inversións na galiza. De feito non facían instalacións en edificios novos. Foi r, a súa incapacidade, pra atender aos clientes e ofrecer un servicio de calidade o que volveu a isas empresas de telecomunicacións ao mercado galego... pra escarnio de todos
claro que hai na galiza máis empresas de telecomunicacións e moi boas por certo. existe tecnoloxía intelixente na galiza antes de r e seguirá habendo
enviado por Nemigo o 27 decembro 2011 ás 03:34 PM CET #
Ola Nemigo.
Coméntoche. Directamente empregados de R hai algo máis de 200. Despois, persoas que traballan directa ou indirectamente para a empresa arredor de 2.500 persoas (instaladores, provedores, centro de atención ao cliente, xente que traballa despregando a rede, etc.).
Os impostos dunha empresa poden ser destinados á administración central ou ben quedar en Galicia. No noso caso o 50% do IVE das facturas de R (que é o que explicamos no post), quedan en Galicia. É o máximo que pode quedar en Galicia. Se puidésemos sería o 100%, claro está.
Iso en canto ás facturas que pagan os clientes. Nós despois pagamos o IVE dos servizos que contratamos aquí e tamén impostos a nivel local por ter a nosa rede despregada (o 1,5% do que xeramos en cada concello vai directamente para o concello). Pagamos tamén o Imposto sobre Actividades Económicas por termos a sede empresarial aquí, as licenzas de obras para o despregamento da rede de R (concellos), os impostos sobre bens inmobles locais (as tendas, oficinas, etc.) e os demais impostos locais e autonómicos.
Nós si que apoidamos o tecido industrial galego. De feito, cando comezamos a traballar no servizo de alta definición qeu ofreceremos no seu día foi unha das nosas primeiras opcións e estivemos traballando con eles máis de medio ano por este tema.
En canto ao último que comentas, precisamente onde hai empresas de cable é onde máis se poñen as pilas o resto de operadores e onde as ofertas da competencia son mellores. Non entendo moi ben o tema da "incapacidade", sei que cometemos erros e que non somos perfectos, pero en canto á calidade sempre garantimos como mínimo o 80% da velocidade contratada e intentamos ofrecer o mellor srvizo, aínda que sabemos que podemos meter a pata, pero de verdade que nos esforzamos:
http://www.movilonia.com/la-ocu-solo-r-pepephone-y-yoigo-nos-atendio-bien/
http://www.atlantico.net/noticia/173261/r/operadora/mejor/valorada/espana/consumidor/
Empresas como Telefónica sempre estiveron historicamente en Galicia e nunca marcharon. O importante, estea alguén contento ou enfadado con nós, é que haxa competencia e se mova o mercado porque iso é bo para o consumidor en canto que pode escoller e comparar.
Nós este chegamos a unhas (escribo así a ollo) unhas 40.000 vivendas e empresas novas e pouco a pouco seguimos aumentando rede para chegarmos a máis galegos. O investimento fica aquí, na terriña. Cada un é libre despois de decidir que contratar ou que non. Nós simplemente expoñemos a nosa filosofía á hora de facer algunhas cousas.
Un saúdo e grazas por pasarte.
enviado por quecheparece o 27 decembro 2011 ás 04:14 PM CET
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #
Gústame todo o exposto no post. Moi ben escrito. O que facía falla era que non vos movérades nunca de aquí, e que R volvera ser maioritariamente galega de novo. Erade-la "perla" de Galicia e coa compra por parte dos ¿ingleses? sacáronvo-lo brillo... Noraboa de tódolos xeitos. Un saúdo.
enviado por Antón o 28 decembro 2011 ás 01:30 PM CET #
Antón, o persoal, a sede e todo o equipo directivo está en Galicia. Os nosos titores agora son ingleses, pero nós seguimos a ser galegos e iso non cambia. Ademais, a rede de aquí non a levanta ninguén. Co tempo que nos levou facela... :)
Un saúdo.
enviado por quecheparece o 28 decembro 2011 ás 01:35 PM CET
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #
Hola eu estou contento co R ,estou con bos desde que chegastes a Ponteareas por ser unha empresa que da traballo a xente da terra ,iso e importante mais nestes momentos de crisis ,por este ultimo motibo a crisis e polo que non acabo de entender a politica de precios de R , neste mismo mes subides o precio de internet polo menos nos 6 megas , aludindo motibos como que incluides un ruter wifi o cal no seu momento tiben que mercar . xa comentei que estou contento pero unha diferencia tan alta nos precios pareceme que bai botar pa tras a mais de un , amin entre eles,e que conste que teño diferentes servicios con R e sempre dou as millores referencis de bos , saludos e perdon se me enrrollei de mais
enviado por Carlos o 29 decembro 2011 ás 08:28 PM CET #
Ola, con todo o agarimo, dá un certo pudor ler o post. Estas cousas mellor que as digan dun que dicilas un mesmo, non? Certo: R deulle, dalle, moito a Galicia e Galicia a R. É recíproco o beneficio. Os impostos páganse aquí, pero certamente case o 100% dos clientes son tamén de aquí. Moitas institucións públicas de aquí aportaron o seu grao de area para axudar ao despregamento da rede,... Todos saímos gañando: clientes, cidadáns e empresa. Sobra dicilo. O relevante é: E agora que? Renunciamos a medrar por ser tan puramente galegos. Cando non queden xa vilas por cablear deste lado do Padornelo, que será de vós? E de nós... O que queiran os clientes e os accionistas. Estes últimos sobre todo. A vosa filosofía empresarial e as apelacións a Adam Smith van contar pouco, me temo :-) Saúde e sorte no 2012.
enviado por Isabel Calvelo o 30 decembro 2011 ás 01:23 PM CET #
Boas.
Como galego e usuario de R evidentemente congratúlome de ter no noso país un dos mellores ISP de Europa, que naceu en parte do capital público.
Espero que todo o anteriormente exposto non sexa somentes fume e un movemento comercial, porque non nos enganemos, R vende moito a base de "somos galegos". Porque ao fin, aos galegos tíranos a terra e queremos ben ao noso país.
-- Sendo sinceiros, hai que destacar, que ao ser propiedade nun 70% CVC Capital Partners en teoría a final de ano o 70% do beneficio marchará a London. Quitando o que se reinvista en R. Cando toque pago de dividendos, o 70% ficará en Londres.
-- E sendos sinceiros tamén, CVC Capital Partners é un grupo financeiro de risco: é dicir, é unha situación transitoria. Cando R medre máis e se espalle máis, será vendida. A quen? Sabe deus, mais é lóxico pensar que a outra operadora máis grande que queira despregar servizos "máis mellores" que o ADSL que é o que ofeertan as operadoras por ahí. (Véxase Vodafone, así todo queda "at home".)
Ese será o intre chave para R, e cando se decida se R é galega o deixa de selo. o momento actual é mais ben transitorio.
Por favor corríxeme se me trabuco.
Saudos e bo aninovo para tod@s.
enviado por obreiro o 30 decembro 2011 ás 04:15 PM CET #
Carlos, entendo perfectamente o que dis. Ás veces non é doado tomar certas decisións, pero ten que ver coa necesidade de seguirmos sendo rendibles para poder investir e crear emprego en Galicia. Aínda que non o creas, empresas grandes como Vodafone ou Orange dan perdas en España, pero detrás teñen unha matriz internacional que asume estas perdas:
http://www.movilonia.com/resultados-financieros-vodafone-espana-2010-2011/
http://www.estrategiasdeinversion.com/comunicados/20110728/resumen-resultados-primer-semestre-2011-orange-espana
No caso de Orange, aínda que o ebitda sexa positivo, unha vez descontados impostos, intereses e amortizacións, o resultado é negativo.
No noso caso non temos que manternos rendibles se queremos seguir, porque non nos gustaría que viñese outros e nos "comese" ou que se dixera que R non é unha empresa boa, que non xera cartos. E o que non queremos é precisamente deixar de facer país, baixar custos a cambio de deslocalizar servizos (como fan o 80% dos operadores) ou deixando de investir en rede para chegarmos a máis galegos (como fixeron moitos operadores nos últimos anos: gastar menos para gañar máis).
Sei que é difícil de explicar e acadar un equilibrio non é doado.
--
Isabel, tes toda a razón. É máis, Galicia deunos máis a nós do que nós lle demos a ela. Sen ser por vós, polos clientes, pola vosa confianza, por contratar dende 2001 o servizo cunha compañía rara chamada R seguimos hoxe por aquí. E aí están tamén as empresas galegas que nun inicio apostaron por este proxecto e que durante moitos anos non viron recuperado o seu investimento para que fose para adiante: Jealsa Rianxeira, Faro de Vigo (Grupo Moll), Gadisa (Grupo Tojero), Ceferino Nogueira, Hijos de Rivera, El Progreso, Editorial Compostela (El Correo Gallego), La Región, El Ideal Gallego, Invertaresa, Dielectro Galicia, Ferro Inversiones...
O que queriamos contar, e non era a nosa intención escribir algo en plan "falsa humildade", era explicar que certamente intentamos devolver o que se nos ofreceu. Non sabemos o día de mañá pero, por sorte, hoxe en día estamos aquí e cremos que é importante contribuír a onde estamos e apostar pola terra.
Que pasará o día de mañá? Pois está claro que se seguimos "vivos" igual Galicia se nos queda pequena e igual temos que crecer cara a outra comunidade ou ben cara a Portugal. O tempo o dirá. O que si, independemente de que R saia ou non de Galicia, o que non ten é que cambiar a filosofía. Poño un caso: Mercadona ten sede en Valencia. É unha empresa que está a medrar e continúa tendo a sede alí e pagando os impostos alí. Esta semana anunciou que vai abrir tendas en Navarra e comprometeuse a comprar produtos de provedores de Navarra por 120 millóns de euros. Pois iso é algo positivo, que xa que gañas cartos nun sitio contribúas tamén a xerar riqueza, non cres? Non por ires a un sitio tes que deixar de ser o de sempre noutro sitio no que tamén estás.
--
obreiro, a verdade é que estando boa parte do día nas redes sociais, e sabendo que hai cousas que facemos mal e clientes con problemas, unha das cousas que máis me sorprende é que moitos nos ven como unha empresa propia. Iso é un orgullo e tamén unha gran responsabilidade.
Nós dependemos basicamente de nós, de seguirmos sendo rendibles para continuar traballando e facendo o traballo como ata o de agora. Somos un operador que leva uns 10 anos dando servizo e empresas tipo CVC están de media unos 9 anos investindo cartos en proxectos empresariais, así que, se todo vai ben, iso garantiría que R duplicase a súa vida, dando estabilidade ao proxecto.
É certo que os beneficios van para CVC se a cousa vai ben, pero o importante é, alomenos para min, non é iso, senón o feito de que se está investindo aquí (uns 160 millóns de euros anuais), se crea unha rede propia de telecomunicacións que outras comunidades non teñen e que sempre ficará en Galicia e que se crea emprego. Agora, se os cartos limpos que poidan saír van para Pepe ou para Patrick, a verdade é que pouco importan porque nin ti nin eu os imos ver. Son de Pepe e de Patrick, porque para iso son os donos. Agora, se Pepe é de na súa empresa deslocaliza e di que xa non vai investir máis cartos non por ser de Redondela fai mellor as cousas. Igual Patrick non é de aquí pero pensa que é bo apostar pola zona e aínda que non gañe tanto cre que investindo e xerando emprego co tempo sairá gañando o lugar e tamén el.
Úrsula Heinze naceu en Alemaña, pero lembro de cativo ler obras súas moi fermosas en galego. Leva moitos anos aquí e eu considéroa unha escritora galega por todo o que fixo. Creo que é importante ver o que se fai e xulgar con perspectiva.
Un saúdo.
enviado por quecheparece o 30 decembro 2011 ás 07:05 PM CET
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #
vivamos como galegos, debedes ter os mismos encargados de marketin que gadisa...Haora si hai que ser sinceros e recoñecer que xunto con telefonica sodes os unicos que tedes persoal local, ainda que sean contratas, e indirectamente si dades traballo pa bastante xente da zona. tamen se agradece que chames o 1449 e poidas falar cun galego, que no sempre resolve o problema, somos humanos, pero polo menos entendemonos.Nunca me pasou o caso de que non me resolvesen a incidencia, hai que dicilo tamen e outra cousa en caso de incidencia chamades, un punto a favor no servicio, odia que vos cambiedes pa latinoamerica doume de baixa. Falando do de facer cartos faciles sen invertir vos tamen facedes algo deso, tdes adsl indirecto, son usuario e vai ben,peo neste caso anque sea dunha aldea pequena podiades chegar con fibra a central de telefonica, como tamen fan eles, que non solo r e pura fibraaaaa e ofertar adsl directo, esta claro que non ides a levantar todo galicia... e os moviles tamen son sinrede propia, aunque instalar hasta 5 torres de antena nun monte vai ser muy pouco eficiente pa todos
enviado por kony o 10 xaneiro 2012 ás 10:49 PM CET #
kony, o que queremos, loxicamente, é chegar a cantos máis galegos mellor. A solución de indirecto non é a ideal, pero é unha forma de poder ofrecer servizo a xente interesada en R. De feito historicamente sempre o fixemos, sobre todo en empresas, porque moitas teñen contratado todo con nós pero tiñan oficinas ou delegacións en zonas de indirecto. Agora investimos case todo en rede directa, pero chegará un punto no que teñamos que facer o que ti comentas, ofrecer bucle desagregado con equipos propios nas centrais de Telefónica, o ULL. Pero será algo a medio prazo.
En cnato aos móbiles, este ano pasado houbo concursos para obter frecuencias móbiles (antes diso só había catro operadores con ela), e gañamos a nosa en Galicia. O que si non é como as frecuencias que se usan hoxe en día e case non hai móbiles que permitan recibir LTE, polo que estamos agardando a que se estandarice a tecnoloxía e os equipos para comezar a despregar rede propia.
Un saúdo.
enviado por quecheparece o 11 xaneiro 2012 ás 09:58 AM CET
Sitio web:: http://wwww.quecheparece.com #
si R es Galicia..... ¿ por que el servicio de soporte avanzado lo lleva t-systems desde Barcelona y no desde Galicia?
enviado por kasper o 18 xaneiro 2012 ás 01:56 AM CET #
kasper, no es el soporte avanzado (el servicio técnico y demás está aquí y no hay que confundirlo), sino la parte de axuda R.
Intentamos ofrecerlo desde aquí para no encontramos ninguna empresa que lo diera y, al final, se ofrece desde allí, pero la condición que pusimos es que lo atendieran gallegos. Así que estamos dando trabajo a cinco gallegos que se han ido a trabajar fuera de nuestra comunidad.
De hecho se puede hacer la prueba que verás que te atienden en gallego.
Un saludo.
enviado por quecheparece o 18 xaneiro 2012 ás 10:53 AM CET
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #
Por otro lado, como decimos en el post, siempre que hay opción de tener un proveedor gallego lo tenemos. Y, en ese sentido, la posibilidad de traer ese pequeño servicio para aquí sigue abierta y si encontramos la forma se hará.
Un saludo.
enviado por quecheparece o 18 xaneiro 2012 ás 11:06 AM CET
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #