logo

Como traballamos en R á hora de abordar un proxecto

xoves 25 marzo 2010 | 8 Comentarios

Como andades? Xa hai uns días que non publicamos nada no blog, e pareceunos interesante desta vez contarvos como traballamos en R á hora de afrontar un proxecto. Hai ben pouco déstesnos un feixe de ideas e de propostas para o futuro neste mesmo blog. Pero, que pasa con esas ideas? En R tomámolas en conta ou só volas pedimos como paripé? Como facemos para analizalas e levalas adiante? Pois para explicar iso está este post.

Vamos, que hoxe toca contarvos como unha idea se pode convertir nun produto ou nun servizo real. E o primeiro de todo, claro está, é ter ideas ou suxestións para mellorar e para innovar. Como dicía Miguel de Unamuno o home de ideas fixas non pensa. Do mesmo xeito, o que non innova ou cambia, acaba por morrer. Por iso é tan importante para nós que nos ofrezades o voso punto de vista e as vosas ideas. Para nós son moi valiosas porque, quen mellor ca vós para saber o que precisades e para poder influír en R á hora de mellorar o noso servizo?

Doutra banda, (aínda que non volo pareza, jeje) aquí sempre estamos a darlle voltas ás cousas para tratar de melloralas. Vánsenos ocurrindo cousiñas que analizamos polo miúdo e que, xunto coas vosas suxestións, son a mellor ferramenta para ir reinventándonos. Mesmo temos unha web de ideas onde os profesionais de R poden ir poñendo todo aquilo que se lles ocorra. Todas son valoradas e entran a formar parte do fluxo de innovación, onde buscamos facer cousas novas/ofrecer novos produtos e mellorar o que xa temos.

Intentamos que o proceso de innovación sexa parte do traballo diario sen perdermos en análises, polo que cremos que se realmente algo é interesante é bo comezar a traballar canto antes no tema. E sempre que se poida, probar e comprobar, que ás veces o que parece doado non o é, e viceversa. Para organizarmos un pocuco, todas as ideas, as vosas e as nosas chegan ao grupo que xestiona toda a innovación en R. Dende este grupo valóranse as ideas e, nese momento, é cando se dá a aprobación inicial para desenvolver o proxecto. Vamos, que cantas máis ideas haxa, máis material sobre o que traballar (e por iso vos agredecemos que nos fagades chegar tantas suxestións).

Seguindo co proceso de traballo en R, unha vez que se aproba unha idea é cando pasa ao grupo de traballo ou especialidade concreto (teléfono, internet, televisión, operacións, etc.), onde o responsable ten que establecer o seu custo, prazos, obxectivos, necesidades... Ademais, á hora de traballar hai que intentar manter por riba de todo o principio ese que algúns deron en chamar o KISS, que non significa ser moi cariñosos cos compañeiros de traballo, senón crear produtos e servizos canto máis sinxelos mellor: Keep It Simple, Stupid.

En R temos seis grupos: tres centrados en procesos (provisión, operación e facturación) e outros tres de produto (televisión, telefonía e internet). Vamos, que nos grupos de procesos se analiza todo o que ten que ver cos clientes e cos servizos que damos e como os damos: dar de alta ou instalar un produto, a postvenda, a xestión de incidencias, a facturación... E nos grupos de produto pois analízanse novos servizos.

Dicirvos que cada un destes grupos está formado por xente de diferentes áreas en R, porque todo aquí está moi interrelacionado. Ademais, sempre está ben ter diferentes puntos de vista para mellorar e limar os proxectos.

Loxicamente durante os proxectos imos reformulando as cousas que tiñamos previsto nun inicio. Isto implica que hai veces nas que os prazos que nun principio nos marcamos cambian. Por poñer un exemplo é como se reformásemos unha casa: nun principio igual queremos poñer no chan terrazo, pero despois pensamos que xa postos é mellor o parqué. E xa postos a poñer un sofá no salón, pois aínda que tardemos un pouco máis en xuntar os cartos, ao final é mellor un sofá cama porque lle imos sacar rendemento. Pois aos nosos proxectos pásalles igual: prefirimos moitas veces sacrificar os prazos e facer as cousas o mellor posible.

A xeito de apunte, de media cada ano en R abordamos uns 85 proxectos nos que están implicadas 143 persoas (que traballan en innovación e en máis cousas, claro está). E en que cousas estamos metidos agora? Pois no tema do descodificador en alta definición, no novo webmail, na multiSIM, nun control parental para o móbil, nunha liña de voz sobre IP, nos interactivos de televisión, na revisión e mellora da xestión de incidencias, no mantemento preventivo da rede e así ata sumar 85. Son moitas cousas, nas que poñemos o mellor de nós, pero que ás veces tardan máis do que nos gustarían.

Iso si, eses 85 proxectos de seguro que aumentan, porque moitas das cousas que nos propuxestes son moi interesantes. De feito, unha das primeiras cousas que fixemos con todas esas ideas que nos achegastes foi pasalas a todos os responsables de produtos da empresa. E despois colgamos a información na nosa intranet. Absolutamente todas as ideas recibidas están aí. Vamos, que non hai ninguén en R que non coñeza as vosas suxestións e o que vos gustaría que fixesemos.

Así sabedes de primeira man un pouquiño máis sobre como traballamos en R. Seguimos neste blog, no facebook e no twitter para o que nos queirades preguntar (e poidamos ou saibamos respostar).

Un saúdo.




Comentarios

Hola:
Gustariame preguntarche como decidides que canal se vai a poder ver en promocion
en aberto para combo1 e 3.
Particularmente creo que o que ides poñer a partir do 06/04/2010 non ten moito interes polo menos para min.
E solo a miña opinion eh,creo que hay canales moito mellores
un saudo

enviado por jose o 25 marzo 2010 ás 01:38 PM CET #

Jose, en primeiro lugar comentarche que o tema das canles promocionadas en aberto non ten nada que ver co proceso de innovación ;)

Dito isto, a idea é ir ofrecendo canles de distinto tipo e temática. É dicir, agora está TNT (series e pelis) e a idea é pasar a unha de documentais. Durente estes anos, que eu lembre, emitíronse Paramount, FOX, Canal Cocina, Sportmanía, Disney XD, Viajar, TCM...

Vamos, que a idea é ir rotando e poñendo contidos diferentes para que os clientes poidan ir vendo diferentes canles.

Un saúdo.

enviado por quecheparece o 25 marzo 2010 ás 01:50 PM CET
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #

¿ Por que andar con rodeos e non dicer que a canle de documental que se verá en aberto vai ser Biography Channel ?
E este post paréceme moita palabrería para non dicir nada do meu interese.

enviado por arcade o 25 marzo 2010 ás 03:11 PM CET #

Arcade, neste caso concreto Jose non me preguntaba "que" canle se vai emitir en aberto, senón "como" escollemos a canle que se vai emitir.

Polo que lin no comentario de Jose, este xa sabe a canle que imos poñer en aberto, que ademais se pode ver perfectamente na revista R deste mes.

Un saúdo.

enviado por quecheparece o 25 marzo 2010 ás 04:00 PM CET
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #

Ola, poderías dedicar tamén un post a explicar cómo é o proceso dende que recibides o aviso dunha avería xeral ata que se soluciona, por exemplo o corte de 15m de onte. Non en plan disculpa por suposto, se non para saber como é o proceso.

enviado por Vermu o 25 marzo 2010 ás 04:48 PM CET #

Parece que en R o brainstorming non funciona moi ben.

Segundo, creo que a canle Sportmania non estivo en aberto para o combo 1 e 3. En todo caso teledeporte cando era unha canle de pago.

enviado por Pepe o 25 marzo 2010 ás 06:39 PM CET #

Yo si me creo que haya un servicio detras de estos proyectos porque ademas que R cable es la que mas promociones lanza para casi cualquier producto que tiene y es la que mas ideas expone cada año en las revista mensual y se de lo que hablo que solo hay que ver el muerto de digital plus que en 20 años solo ha sacado el iplus

Felicidades de corazon

enviado por Aurelio o 25 marzo 2010 ás 08:47 PM CET #

Moita propaganda...!!!ceme a min que e Fidelizacion,

enviado por 10.0.137.41 o 28 marzo 2010 ás 05:03 PM CEST #



Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado