como chamar dende o estranxeiro con móbil R
sabemos que algúns de vós estades de vacacións este mes de agosto (afortunados que sodes :( porque algúns temos que andar por aquí). O caso é que de seguro que máis dun vai ao estranxeiro ou pasa un par de días en Portugal, que tamén está no estranxeiro pero moito a máis a man, e ten dúbidas sobre se pode chamar ou non co seu móbil R.
pois como este blog é tanto para adiantarvos novidades como para resolver algunha que outra dúbida, o post de hoxe é sobre o roaming ou a itinerancia. Basicamente o roaming é a posibilidade de que un usuario empregue o teléfono móbil nun país distinto ao de orixe. É dicir, que grazas a isto, e aos acordos que R ten con 400 operadores de todo o mundo, podedes realizar chamadas dende o voso móbil aínda que vos atopes en Botsuana, porque ao ter activado este servizo, o voso móbil conectarase coa rede doutro operador móbil dese país. Por certo, que na nosa web podedes ver a cobertura internacional do móbil R e ver os operadores preferentes que temos en cada país, co que a chamada vos sairá máis barata.
pero volvendo ao que nos ocupa, se ides de viaxe, o primeiro que tendes que saber é que o voso móbil R ten por seguridade desactivado o servizo de roaming. Así que, ring, ring, chamadiña a R e que volo activen. 24 horas despois, voilà, xa tendes un móbil preparado para viaxar polo mundo adiante.
lembrade que algúns terminais non soportan as bandas (GSM, 3G, UMTS) de determinados países. Como sabedes se o voso móbil será compatible cos operadores de Botsuana? Pois mirade na web da cobertura internacional as bandas dos operadores e comparádeas coas características do voso terminal móbil.
que pasa se vos esquecéchedes de activar o roaming e xa estades no estranxeiro illados do mundo? Pois que deberíades localizar outro teléfono (aínda existen as cabinas ou senón outro móbil co roaming activado) e chamarnos ao +34698111449, se sodes clientes particulares ou ao +34698111446, no caso de seres de empresas. A terminación é sinxela: 1449 e 1446, non vos soa?
repasemos os puntos que vimos ata o de agora: tendes que activar o servizo de roaming, tendes que mirar se dispoñedes de cobertura internacional e, por último, comprobar que o voso teléfono móbil é compatible coa rede dos operadadores do país ao que vaides.
se estades seguros de que tendes activado o roaming e todo está ok pero a cousa aínda non tira, é dicir, que no voso teléfono non aparece o nome de ningún operador telefónico dese país na pantalla nin vedes as famosas raias de cobertura, que facer? Pois o mellor é probar a realizar unha selección manual da rede. Para saber como facelo, mirade o manual do voso teléfono.
ah, e non me fagades iso de chamar directamente da axenda do voso móbil, que seguramente os teléfonos que tendes aí apuntados non teñen o prefixo internacional de España. Hai que marcar o 0034 diante do número, que non estades en España :D
por certo, recordade que fóra as tarifas cambian, que sae máis caro iso de chamar ou usar o teléfono para acceder a internet dende o estranxeiro e que as chamadas que recibades tamén teñen custo. Para non levar sustos, podedes mirar as tarifas de voz e de datos na nosa web.
aproveito tamén para lembrarvos que tanto as dúbidas que poidades ter co tema do roaming como outras relacionadas cos vosos servizos de internet, televisión, teléfono, factura... están respondidas en http://respuestas.mundo-r.com. E se algunha non está respondida, dicídemo que non tardará en aparecer na web :D
e con isto e un biscoito... espero que me opinedes moito :D (xa sei que o meu non é a poesía, pero é o que vos ten o mes de agosto)

Un cliente contento:
http://jasp.bitacoras.com/2008/08/28/navegando-a-9-megas/
Por cierto contad con nuestro apoyo desde Bitacoras.com para vuestra plataforma de blogs.
enviado por Raúl Ordóñez (Jasp) o 28 agosto 2008 ás 02:05 PM CEST
Sitio web:: http://jasp.btacoras.com #
ONO anunciou que a subida dos seus 100 MB será de 5 MB.
Cando poderemos saber os usuarios de R prezos e velocidades definitivas das novas conexións?
enviado por Luis o 03 setembro 2008 ás 01:52 AM CEST #
Saúdos.
Primeira suxestión: deberíase poder contactar dalgunha forma co blogueiro de forma xenérica, sen ter que facer un post dentro dunha entrada.
Segunda suxestión: O blogueiro debería facer xa (para onte) unha entrada sobre a inminente duplicación explicando os detalles da mesma.
Eu concretamente quero saber de que xeito quedarán as velocidades de subida nas modalidades de 6 e 9 MB.
Graciñas pola atención que nos prestas. ;-)
enviado por Luis o 03 setembro 2008 ás 01:58 PM CEST #
NA OPCIÓN 3 MEGAS VAISE SUBIR A VELOCIDADE?
enviado por ROSENDO o 05 setembro 2008 ás 03:57 AM CEST
Sitio web:: http://WWW.LOMASBARATODELMUNDO.ES.TL #
Nun dos comentarios, Luis pregúntanos pola subida nos novos produtos que estamos a probar de internet. Comentarvos que no caso das conexión de 30 megas terán inicialmente unha subida de 1 mega, mentres que o produto de 100 megas terá un upstream de 3 megas, é dicir, a cousa quedará en 30/1 e 100/3.
De seguro que o vedes moi desproporcionado e xa estades botando pestes pola boca pola desigualdade entre baixada/subida. Pero asegúrovos que nas probas que fixemos estas combinacións proporcionan unha experiencia de navegación realmente boa e moi superior á dos accesos convencionais. É dicir, cremos que para un usuario de residencial é un produto cun gran rendemento. En canto ao tema dos prezos, non están pechados aínda, pero esperamos poder comunicar a oferta para o mes que vén, en outubro.
Con respecto ao que nos di Luis sobre ONO, o certo é que oficialmente só sabemos que a compañía comunicou que traballa en produtos de 30 e de 100 Megas, pero en ningún momento vimos que fora a ofrecer un upstream de 5 megas para estes servizos. É certo que se publicou en diferentes webs a noticia, pero mesmo neste punto hai discrepancias, xa que nalgúns sites se fala de 3 megas e noutros de 5. De todos os xeitos, aínda no caso de que o produto finalmente fose de 100/5 Megas, habería que tenr en conta o % de cumprimento que finalmente se ofreza. R aposta sempre por ofrecer unhas velocidades reais en liña cos nosos servizos, con altas porcentaxes de cumprimento. Segundo os informes de calidade do Ministerio de Industria, somos o provedor que máis velocidade garante en Galicia. Como mínimo, e de media, estamos dando o 87% da velocidade que ofrecemos, e iso que os nosos clientes están posúen conexións que sempre están por diante en canto a velocidade ofrecida. O que non imos facer é comunicar unha subida de 6 megas para despois ofrecer o 50% dese upstream. Do mesmo xeito que non dicimos que temos conexións de 20 megas, senón de 9. E iso que as ofertas de 20 megas que vedes por aí ao final dan o 45%, así que, botando contas...
Moitos de vós tamén me preguntades sobre a duplicación de velocidades. Queredes saber como van quedar as novas conexións. Pídovos que teñades un pouco de paciencia porque estamos traballando arreo no tema e en breve espero podervos dar noticias.
enviado por quecheparece o 05 setembro 2008 ás 01:23 PM CEST
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #
Saúdos.
Os 30 megas terán inicialmente unha subida de 1 mega e os 100 megas terán un upstream de 3 megas. ¿Inicialmente? ¿É esa unha estratexia comercial? Porque iso é o que me parece a min. Se a conexión se comercializa ben deixades esa velocidade e se non, ampliádela. Espero trabucarme porque R tradicionalmente caracterizouse por dar de subida un 10% da velocidade de baixada e por iso agora fáiseme moi raro este cambio de política.
"Pero asegúrovos que nas probas que fixemos estas combinacións proporcionan unha experiencia de navegación realmente boa".
Non quero faltar ó respeto a ninguén pero iso páreceme unha tomadura de pelo.
¿experiencia de navegación boa? ¿Quen credes que contrata 30/1 para navegar?
Este blog naceu para que os usuarios poidésemos opinar das novidades de R. Pois a miña opinión é que eu nunca contrataría os 30/1 e os 100/3 terían que ter un MOI BO prezo para pensar en contratalos.
Navegando a diferenza entre os 9MB/900kb e os 30/1 é inapreciable por iso considero que a conexión de 30/1 non ten ningún sentido.
Tendo isto en conta, eu que pensaba que cando R duplicase a miña conexión (9mb/900kb) pasaría a ter 18/1,8, pois xa non o penso. Espero estar nun erro.
enviado por Luis o 09 setembro 2008 ás 02:26 AM CEST #