logo

Coidado cos 905, 803, 806, 807 e cos servizos de subscrición

martes 06 outubro 2009 | 6 Comentarios

Ola a todos. O outro día falamos das estafas pola internet e hoxe queríamos advertirvos respecto dalgúns números de tarificación adicional e dos servizos de subscrición vía móbil.

En primeiro lugar, dende R aconsellámosvos que saibades ben a quen lle dades o voso número de móbil e que teñades claras as condicións dos servizos que contratedes. E cando vos regalen algo, mirade ben se vos regalan algo porque si, porque de seguro que vístedes por aí algunha que outra páxina web onde se vos regala un tono para o móbil ou un xogo a cambio de poñer o voso número de móbil. Coidadiño porque ninguén regala pesos a catro pesetas. Mirade ben a letra pequena porque iso adoita ter detrás a subscrición a un servizo de contidos. É dicir, que che regalan un politono pero despois che poden cobrar por cousas que che mandan si ou si, interésenche ou non, cada semana. E pódenche enviar ata 12 contidos semanais (a un euro e pico por contido nalgúns casos, botade contas).

E o peor son esas webs onde non hai sistema de validación nin nada: eu podo poñer o número de móbil dun veciño e, sen comelo nen bebelo, este pode quedar subscrito a un servizo que non quere. Noutros casos as webs si que che envían unha mensaxe previa de validación, para confirmar que estás interesado no servizo.

Outro consello para os que teñades móbil R: mirade os vosos consumos ou controlade o que gastades. Na web de clientes podedes ver os vosos consumos, pero tamén temos un servizo de control de saldo a través do móbil, para que esteades seguros do que ides gastar e non pasarvos do que teñades establecido. Iso si, se vedes que estades subscritos a un servizo de subscrición destes e non vos interesa, buscade o código para darvos de baixa o antes posible, aínda que non sempre é sinxelo. Ou mellor aínda, cando vos deades de alta nun servizo destes, comprobade antes de nada como podedes facer despois para darvos de baixa, porque nalgún momento dado vos pode deixar de interesar o servizo. Déixovos un vídeo aquí cun exemplo.

Vamos, que hai que ter moito tino tanto con estes servizos coma cos números de tarificación adicional. Hai uns días podíase ler na prensa que “máis do 65% dos números 803, 806 e 807 denunciados en 2008 foron retirados por incumprir o código de conduta”. Un dato moi esclarecedor da clase de empresas que pode haber detrás destes servizos. En total retiráronse 245 números que ían dende fraudes de premios, pasando por servizos de contactos ou posibles ofertas laborais.

E tamén pasa o mesmo con moitos números 905. Cóntovos a última: un compañeiro do traballo o outro día recibiu unha chamada perdida dun 905. Moita xente, se non é consciente do tipo de número que está detrás, pode chamar para preguntar quen o chamou, e zas!

Hai tempo publicouse o caso de varias persoas que recibiran avisos dunha compañía de transporte e o número que se deixaba de contacto era un 905. Iso si, separaban o 90 do número 5, para que a xente pensase que era unha chamada doutra provincia. Vamos, que directamente estaban intentando enganar ao persoal, que lanzaban unha especie de cebo para que despois picase todo quisque chamando. Pois ben, acaba de publicarse nos medios que se detivo á persoa que estaba detrás de todo isto e que puido estafar arredor de 150.000 euros en tres meses. Case nada.

Pero os 905 que máis coñecedes son de seguro os dos programas de televisión ou Call TV. Eses grandes concursos que se emiten de madrugada con xogos de máis ou menos dificultade e que prometen suculentos premios. Non é ouro todo o que reloce! Aínda me lembro, hai anos, un destes concursos realizado en Madrid pero que se podía ver a través dunha televisión local das Rías Baixas. O caso é que o meu pai se pasaba horas e horas vendo o programa á espera de que alguén acertase preguntas tan complicadas como “De que cor é o cabalo branco de Santiago?”. Sorprendentemente, ninguén atinaba. Pero o mellor é que se vía claramente que detrás de quen chamaba había unha única persoa poñendo diferentes voces, para dar a sensación de que entraba moita xente en directo, pero que ninguén daba coa resposta correcta.

Dende aquela a regulación cambiou e o Ministerio de Industria agora xa permite que estes números non che teñan ao teléfono media hora. Antes si é certo que cando marcabas estes números podías quedar colgado do teléfono minutos e minutos, ata o punto de que a orella quedaba quente e o peto a arder. Agora a regulación obriga a que cada chamada teña un prezo máximo estipulado, aínda que é ben certo que segue a haber moitas denuncias relativas ao tema.

Se non chamades a esa clase de números dende o fixo e non queredes levar sustos a fin de mes, R ofrece a posibilidade gratuíta de restrinxir as chamadas que facedes dende o voso teléfono de R aos 803, 806, 807, 905 e 907. É algo que pode evitar disgustos e que podedes facelo chamándonos ao 1449.

Tedes que ter claro que R non vive deses servizos, xa que detrás deses números hai outra serie de empresas, aínda que despois se nos reclame a nós e parece que os que vos cobramos por chamar aos programas de televisión somos non. Pero non, porque eses cartos van despois para eles. Nese sentido queremos ser claros con vós como clientes, aconsellarvos que sexades cautos e conscientes á hora de chamar a estes servizos, e que, sobre todo, vos informades dos custos que poden ter.

Ben, xa nos contaredes se vos pasou algo disto e como acabou a cousa.

Seguimos polo facebook, o twitter e por aquí ;)

Un saúdo.




Comentarios

Paréceme moi acaído que se dea esta información, xa que moitas veces descoñécense os servizos aos usuarios (por exemplo, o de desconexión dos 90..)

enviado por Iago Varela o 06 outubro 2009 ás 06:48 PM CEST
Sitio web:: http://www.iagovarela.eu #

Hola.

Este artículo es muy bueno. De hecho creo que debería adjuntarse una copia en la próxima factura para que la gente se entere bien porque creo que hay mucho despistado con esto de los números de tarificación adicional.

enviado por Luis o 06 outubro 2009 ás 07:25 PM CEST #

¿Hai unha forma equivalente de solicitar en móbil R non quedar suscrito a contidos de suscrición, de forma análoga a non poder chamar ós números de tarificación adicional?

enviado por Paco o 06 outubro 2009 ás 08:02 PM CEST #

Paco, dende o móbil tamén se poden restrinxir as chamadas aos números de tarificación adicional: http://tinyurl.com/ye2d9bu

O dos servizos de subscrición creo que é algo máis complicado, porque iso adoita ir vía SMS, pero pregunta mellor no 1449.

Un saludo.

enviado por quecheparece o 06 outubro 2009 ás 08:59 PM CEST
Sitio web:: http://www.quecheparece.com #

Entón, se alguén sabe o meu número de móbil pódeme fastidiar ben. Nese caso, hai forma de averiguar quen é o que me fixo iso ? Pódese denunciar ou é imposible coller a esa persoa?

enviado por anion o 23 novembro 2009 ás 05:46 AM CET #

Bos días anion.

Eu entendo que non hai forma de averiguar quen che pode subscribir a eses servizos porque non se require nalgúns casos ningún tipo de identificación. E se se fai dende un ciber, xa me dirás.

Un saúdo.

enviado por quecheparece o 23 novembro 2009 ás 09:29 AM CET
Sitio web:: http://http//:www.quecheparece.com #



Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado