logo

A tenda R itinerante

martes 07 xullo 2009 | Sen comentarios

Como andades? Supoño que queimados polo sol non, porque moito non se deixou ver estes días por Galicia. Á espera de que veña o bo tempo, convidámosvos a visitar a nosa tenda R itinerante no caso de que se pase pola vosa localidade.

Como sabedes, durante estes últimos meses estivemos potenciando a nosa rede de distribuidores e de tendas R para estar un pouco máis preto dos nosos clientes. Polo de agora temos tendas R na Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago e Ourense e algunha máis caerá no futuro ;)

O caso é que cada vez R dá servizo en máis localidades e é como partir dende cero en moitos casos. Nas grandes cidades xa nos coñecen, pero hai sitios onde iso de R soa a coreano, así que nos toca presentarnos en sociedade e que saiban que R é algo máis que a décimo sétima letra do alfabeto. E o que nos queda, porque a nosa intención é chegar sen présa pero sen pausa a máis galegos. O que dicimos sempre: se hai opción de escoller, a competencia sempre é boa porque hai mellores ofertas e produtos para o usuario.

Ao que ía, que me enrolo máis ca unha persiana, para darnos a coñecer naqueles novos sitios onde somos unha empresa “recén chegada”, ocurríusenos crear unha tenda R itinerante. É máis, en Ponteareas xa saberán do que falamos porque dende hoxe xa está montada na praza Maior do concello. E alí a verán durante uns días.

 

 

 

 

 

 

 

 

Como vedes nas fotos, quixemos trasladar a filosofía das tendas R a esta. Iso si, aquí moito espazo non hai, xa que non deixan de ser algo máis de 13 metros cadrados. Pero como intentamos ser organizadiños, tamén montamos unha zona para probar os nosos móbiles, outra para navegar por internet e outra para ver como é a nosa oferta na televisión dixital de pago.

Así que se o día non está nin para ir á piscina nin á praia, sempre vos poderedes pasar por alí, fedellar un pouco pola Rede e ver cales son as principais series que ten agora a FOX ;) Por alí andaremos de luns a sábado de 11.00 a 13.30 horas e de 18.00 a 21.30 horas (para que non teñades que madrugar e pola tarde non vos privedes da sesta).

Esta tenda R móbil estará percorrendo Galicia estes meses. De feito, ata se podería gravar unha road movie e todo, que de seguro que se acaban producindo anécdotas do máis divertido. Xa me volvo liar eu só, jeje. O caso é que agora está en Ponteareas pero ten previsto visitar os concellos de Mondoñedo, O Porriño, A Estrada, Lalín, Carballo e Xinzo de Limia.

A idea é que estea en cada pobación uns 15 días nos lugares máis céntricos destas vilas (e no caso de Lalín estará un mes). Vamos, para que teñades tempo abondo para pasarvos e que non vos sexa difícil atoparnos.

E se algún se pasa e nolo quere contar, agradeceremos os vosos comentarios.

Aburiño!






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado